O feile 2024 é o campionato europeo oficial de fútbol gaélico infantil e nel poden participar todos os clubs que formen parte da rexión Europa da GAA, que inclúe todo o continente europeo excluíndo Irlanda (berce do noso deporte) e Gran Bretaña.
Na edición de 2024 participaron 11 equipos de toda Europa, procedentes tanto de Galicia (entre eles Keltoi Vigo), coma de Suiza, Bélxica, Países Baixos, Francia, Alemaña, Luxemburgo ou Madrid.
No torneo participaron 200 xugador@s natos entre os anos 2009 e 2012, que foron acompañados cun número similar de pais e nais, que aproveitaron para facer turismo na provincia de Pontevedra.
A nivel organizativo, nesta edición, Keltoi Vigo actuou como club anfitrión en colaboración co Colexio Montecastelo e a Asociación Galega de Fútbol Gaélico, sendo a primeira vez que Galicia acolle un torneo desta categoría. O torneo tamen contou co apoio da Embaixada de Irlanda en España e coa presencia do presidente da GAA Jarlath Burns, máxima autoridade do noso deporte a nivel mundial.
A nivel competitivo o equipo Bruselas acadou o título do campionato absoluto e o conxunto de Vannes venceu na final Shield.
A edición do 2024 foi a que tivo máis equipos participantes ata a presente data e foi considerada pola propia GAA como a mellor das celebradas ata o momento.























